Integración Social CIFP Compostela

María Xosé e a súa boneca Ruby

María Xosé e a súa boneca Ruby


María Xosé ten unha boneca de trapo que se chama Ruby.

María Xosé e Ruby teñen a mesma idade, porque seu pai mercoulla nada máis nacer.

María Xosé leva a Ruby a todas partes e non se separa dela. Polo día xoga coa boneca a un montón de cousas, pola noite faille compañía na cama cando ten medo.

Ruby está vella e un pouco rota, e súa nai dille á nena que debería tirala, pero María Xosé respóndelle:

-Como podes tirar ó lixo algo que ten nome propio?

E súa nai non sabe que contestar.

(Fragmento do libro “En el mar de la imaginación”, Rafael Calatayud Cano. Editorial Edelvives, 2003)

Había unha vez unha mestra de educación primaria preocupada pola realidade que o seu alumnado vivía. Sabía das características de cada un/ha deles/as, das súas NEAE, tamén sabía da enorme dificultade que supón ser neno/a e da gravidade coa que se ven os problemas cando un/ha ten 8 anos. Esta mestra recomendoulle á clase do meu fillo un precioso libro “En el mar de la imaginación”. Mais esqueceu algo sumamente importante: recomendar o mesmo para os/as pais/nais (recordo que daquela eu tiña o pequeno defecto de ler todo o que lle recomendaban a el, parecíame que así teriamos máis temas dos que falar).

Escollín este fragmento porque é tal cal a descrición dunha situación que me comentou unha amiga, a contestación que María Xosé lle deu a súa nai, é a mesma que lle deu a pequena Sofía a Isa, e esta quedou, igual que a nai de María Xosé, sen argumentos.

Os mini-relatos que narra tratan de crianzas ás que ninguén comprende: fala da diversidade en si; das dificultades individuais de cara a aprendizaxe; do acoso nas aulas e como reaccionar sendo neno/a; da sobrecarga de actividades extraescolares; da incomprensión; da frustración…

As nosas crianzas teñen miles de problemas diarios, problemas ós que as persoas adultas lles restamos importancia porque desde a nosa perspectiva vémolos insignificantes.

Este é o meu libro preferido desde o momento en que o lin, fai xa moitos anos. É unha lectura que invita á reflexión e, por isto mesmo, é un que fago ás miñas amizades que manteñen un trato directo c@s nen@s. Desde este blog recoméndoo tamén para todas vós. Agardo que vos guste tanto coma a min.

María Frecha Arufe.


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: